2013 ANO DE ROSALÍA DE CASTRO

domingo, 6 de março de 2011

ÁLVARO CUNQUEIRO, POETA

Álvaro Cunqueiro forma parte, con outros poetas tan destacados como Igrexa Alvariño ou Carballo Calero, do que cabe identificar como Grupo da República, isto é, conxunto de escritores (e intelectuais e artistas) que abre a súa manifestación entre 1930-1936. De feito, en coincidencia de razón cronolóxica e estética coa xeración vangardista (Manuel Antonio, Amado Carballo, M. L. Acuña, Bouza-Brey, Pimentel, A. Casas), a que verdadeiramente trae, con impulso de ruptura, os signos da modernidade á lírica galega, de modo que ese grupo roto, logo, pola guerra civil  preséntase como unha segunda comunidade de idade da citada xeración, e, á súa vez, caracterízase polo seu carácter acumulativo¸ quere dicirse que confirma e ata intensifica as liñas de modernidade abertas polos maiores, ou ramas fundamentais da lírica de tradición simbolista.
Nese cadro ou marco, pois, a obra poética cunqueiriana aparece marcada por tres moi evidentes trazos caracterizadores. En primeiro termo, pola súa brevidade (como a de Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza ou Pimentel), pois o seu corpus á espera de recolección de textos dispersos ou inéditos redúcese a cinco libros en galego (e un en castelán).
Logo, está o trazo da discontinuidade, xa que se no momento de manifestación do grupo en só dous anos edita tres libros fundamentais (Mar ao Norde, Poemas do se e non e Cantiga nova que se chama ribeira), ata a plena posguerra non aparecerá o segundo (Dona do corpo delgado, 1950), e xa, trinta anos despois (1980), o seu último Herba aquí ou acolà.
Para rematar, o seu corpus lírico responde, con profunda razón unitaria, e aí radica a súa tan fonda autenticidade creadora, a unha poética mantida con exemplar fidelidade, e que non deixou de ocasionarlle, de modo especial no período de hexemonía da palabra de razón histórica, inxustos silencios e marxinacións. Unha poética, en fin, que el intuía nas «verbas» («como están as imaxes nos espellos»), na fermosa «música» que acompaña ás palabras, e nunha «veracidade sentimental» que se cumpre ou satisfai, plenitude dunha encarnación, con palabras.
Claro que, ademais, e como fonte íntima e cordial desa «veracidade sentimental», todo o seu mundo poético, outra razón intensa de unidade,  quedou configurado sempre, e en tensión permanente, sobre dúas forzas temáticas determinantes: por unha banda ,eixo de positividade, un ilusionado impulso amoroso, un anhelado ideal de beleza como plenitude; por outra ,sería de negatividade , o «dolorido sentir» do tempo e o acabamento, da soidade, da desposesión e a morte.

Esta proclamada unidade da súa obra non nega determinados matices ou transicións, ben evidentes, desde logo. Así, o seu ciclo de mocidade, os seus tres primeiros libros, aparece marcado por un sincretismo vangardista (o máis orixinal da lírica galega moderna) e o tan atractivo neopopularismo (tan caro e definidor da súa Cantiga nova...); despois, Dona do corpo delgado, xa na súa primeira madurez, combina elementos popularistas cun moi persoal culturalismo (non entendido no seu momento); xa por fin, a súa colección última, agora, si, moi influente sobre as novas xeracións e tendencias, representa unha complexa montaxe de fondo culturalista e de intensa realización de toda unha intensa tópica simbólica, para dar expresión concentrada, de axustada melodía da lamentación, ás grandes e dramáticas polaridades temáticas que guiaron, desde os comezos, a súa creación lírica.
Con estas elementais caracterizacións, Álvaro Cunqueiro signifícase hoxe, a esta altura das circunstancias, como un gran poeta de poderosa vixencia e dobre valor. E iso porque, nunha dirección, a súa obra primeira e temperá foi decisiva para a consolidación dos signos da modernidade na lírica galega, rompendo coas liñas tradicionais do enxebrismo e patrianismo; e noutra dirección ,cara ao futuro, porque o seu libro último resultou, á vez, non menos decisivo nos signos de ruptura coa dominante, entre 1950-1975, poética realista ou de razón histórica, definidora do período de posguerra. Cunqueiro, en fin, abriu as portas á escritura da postmodernidade.


Por Arcadio López Casanova
Tomado de: Centro Virtual Cervantes

Sem comentários:

Enviar um comentário