2013 ANO DE ROSALÍA DE CASTRO

domingo, 27 de março de 2011

MELLE DE LOBOSO. Unidade didáctica.

                                                                    Melle de Loboso

Un tal Melle, veciño de Loboso, Partido de Mondoñedo, decidiu cando xa cumprira setenta anos, aprender a ler e a escribir, e en menos dun mes o mestre houbo de dalo por útil. Ós que lle preguntaban a que viña tomar aquel traballo ós seus anos, contestaba que ó mellor podía mandar algún recado dende o outro mundo, e entón sempre sería mellor por escrito que de palabra. Para que non houber dúbida de que era el quen mandaba as novas, deixaria denantes de morrer unha mostra de letra e papel de barba. E mandou Melle que cando morrese, que lle metesen no peto da chaqueta papel, sobres e lapis tinta.
Finouse Melle, i enterrárono co recado de escribir que pedira, i o lápiz tinta afiado pólos dous cabos, i aínda lle meteron no peto unha navalliña por si quebraba pontas, que apertaba moito ó escribir... Pasóu  o tempo e non chegaba recado ningún de Melle i a xente de Loboso íbase esquecendo da ocurrencia. Pasaron dous longos invernos e dous ledos e pequenos veráns. Un sobriño de Melle, por Pascua, mercóu na feira de Meira un par de galiñas, unha negra castel i outra do pescozo pelado, i ó soltalas na eira miroulles o ovo, e ista derradeira viña coil na ponta, tanto que o puxo deloutro día, cediño, e cacarexouno ben. Era un ovo longo, longo, coa casca mourenta e manchada. O sobriño de Melle pensou que tragueria dúas iemas, i antoxóuselle de almorzo unha torreznada, e cando xa se engurraran os liscos na sartén, partíu o ovo nun prato pra batelo, i o ovo, por dedentro, estaba baleiro de crara e xema, e somentes gardaba un sobre, no que estaba escrito con letra de lápiz tinta –letra comprobada do finado Melle– ésto: «Amañai la chimenea. Tu tío que lo es Victoriano Melle». E sob o nome, un solene rubricado. E ben se vía que o Melle tiña mollado a ponta do lápiz máis de dúas veces escribindo o recado.
Deu a nova o sobriño a voces, acodiron os veciños, e foi lido cen veces o sobre. Cando o sobriño foi ó galiñeiro; a buscala galiña do pescozo pelado, atopouna morta. I o aviso do finado chegara a tempo si fora atendido, que dúas noites despóis un vendabal que viña tolo, levouse a cheminea dos Melle.
E así e todo. Os Melle  de Loboso conservan a carta do tío. Hai veciños de seu que ainda recibiron outras, e todos por ovos ou camiños máis sebredos ainda, pro que isas cartas non as amosan porque tratan de intereses, e consellos en preitos.

Fonte: Ed. Xerais.

Sem comentários:

Enviar um comentário