Castellana de Castilla,
tan bonita e tan fidalga,
mais a quen para ser
fera
ca procedensia lle abasta.
Desíme, miña señora,
xa que os mostrás
tan ingrata,
si o meu rendimento homilde
bascas de enoxo vos
causa,
pois cando onda vós me achego
cuspís con ardentes ansias,
i ese
mirar de pombiña
volvés en fosca mirada,
tornando en sombrisa noite
o
día que en sol se baña.
En vano intento, señora,
saber por que me
maltrata
dama dun alma tan nobre,
aunque soberba por fama,
pois n'é
motivo a desprezo
sintirse tan ben amada,
que as mesmas pedras,
señora,
dun bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
así ós
gallegos se trata,
mais debe saber Castilla
que de tan grande se
alaba,
que sempre a soberbia torpe
foi filla de almas bastardas;
e
sendo vós tan sabida,
nunca de vó-lo pensara,
que de tan alto
baixando
vos emporcases na lama;
nin que chamándovos nobre,
tanta
nobreza enfouzaras
imitando ós que vaidosos
no que está débil se
ensañan.
Pero máis val que enmudeza,
pois tes condición de ingrata;
que
predicar en deserto
na miña terra n'é usanza.
Si fun curpabre en
quereros
coma ningún vos amara,
por ser de terra gallega
e serdes vós
castellana,
en paz, señora, vos deixo
ca vosa soberba gracia,
e voume á Galicia
hermosa
donde en xuntanza me agardan
o que non tendes, señora,
i o que
en Castilla n'achara:
campiños de lindas rosas,
fontiñas de frescas
auguas,
sombra na beira dos ríos,
sol nas alegres montañas,
caras que
nacen sorrindo
e que sorrindo vos aman,
e que inda mesmo morrendo
en
sonrisiñas se bañan.
Alí, señora, contento
cantando o doce ala
lala,
baixo a figueira frondosa,
en baixo da verde parra,
c'aquelas
frescas meniñas
que mel dos seus labios manan,
cando en falar
amoroso
meigo nos din en voz maina
con tódalas de
Castilla
nobrísimas castellanas
olvidareivos sin pena,
anque sos
vós tan fidalga.
Que aló saben ser altivas,
pero non saben
ser vanas,
i é fácil con doces tomas
olvidar tomas amargas.
Déchesmas
vós, mi señora,
con desprezo envenenadas,
inda con fero máis fero
que
pelica de laranxa;
mais teño por que me pase
aquel sarrapio que
escalda,
teño unha dama nos Portos,
outra no Ribeiro de Avia;
si a dos
Portos é bonita
a do Ribeiro lle gana.
http://www.galiciaespallada.com.ar/escolmarosalia_cantares2.htm
Sem comentários:
Enviar um comentário